Sunday 19 de May de 2024

A Xunta recorda a obriga legal das Deputacións Provinciais de primar o reparto de fondos aos concellos que se fusionen segundo di a Lei estatal


O director xeral de Administración Local defende modificar progresivamente a planta administrativa local para acadar concellos máis sostibles e menos dependentes en termos financeiros

O director xeral de Administración Local explicou a obriga legal das Deputacións Provinciais de primar o reparto de fondos aos concellos que se fusionen segundo di a Lei estatal.

Durante a súa intervención en comisión parlamentaria, Alberto Pazos recordou que o artigo 13.4 da lei de bases do réxime local di que durante, ao menos, os cinco primeiros anos dende a adopción do convenio de fusión, terá preferencia na asignación de plans de cooperación local, subvencións, convenios ou outros instrumentos basados na concurrencia. Este prazo poderá prorrogarse pola Lei de Orzamentos Xerais do Estado.

O director xeral avogou por incentivar o redimensionamento do mapa local e animou ás deputacións provinciais a sumarse a esta iniciativa e definir como van concretar esta obriga legal. Neste sentido mostrou a dispoñibilidade da Xunta para aclarar estes temas coa Deputación Provincial de Pontevedra no marco dunha reunión institucional.

Pazos explicou que o obxetivo último que persegue a Xunta de Galicia ao impulsar estes procesos de fusión voluntaria é dotar aos concellos do rural galego dun mellor financiamento co que poder prestar servizos públicos de calidade aos seus veciños. Estes procesos de fusión, indicou, constitúen un paso na boa dirección para loitar contra o problema demográfico porque boa parte do problema do despoboamento no rural está relacionado coa busca de mellores servizos de sanidade, ensino, apoio á infancia e aos maiores, promoción de emprego ou novas tecnoloxías.

O tamaño dos concellos incide de maneira importante na súa capacidade recadatoria e polo tanto na súa capacidade para prestar servizos de calidade. Neste sentido, indicou o director xeral, é necesario facer un esforzo para modificar progresivamente a planta administrativa local para acadar concellos máis sostibles e menos dependentes en termos financeiros e por iso a Xunta vai seguir apoiando e incentivando, no marco das súas competencias, a todos aqueles concellos que opten pola fórmula da súa fusión voluntaria, como é o caso de Cerdedo e Cotobade.